Monday 13 de May de 2024

A conselleira de Medio Rural reúnese coa veciñanza de Poulo para falar da concentración parcelaria


Acompañada polo alcalde de Ordes explicou as ventaxas e a axilización do procedemento grazas á Lei Metaga. Poulo sería a primeira parroquia en beneficiarse da nova normativa

A conselleira do Medio Rural, Ánxeles Vázquez, reuniuse cos veciños da parroquia de Poulo para informarlles do inicio do procedemento de concentración parcelaria nesta zona, a cal permitirá ordenar axeitadamente a estrutura territorial agraria. Deste xeito, Poulo convertiríase no primeiro proceso reorganizativo trala entrada en vigor da Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria de Galicia (Metaga) o pasado verán. No encontro, que tivo lugar no local social, tamén estiveron presentes o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, así como o xefe territorial de Medio Rural.

A titular de Medio Rural, que iniciou a súa visita asinando no libro de ouro do Concello, asegurou que coa Lei Metaga vanse abaratar os custes de execución sen prexudicar os dereitos dos administrados, minorando á vez o tempo de execución. Os novos procesos buscarán manter e optimizar os usos das fincas, co obxectivo de impulsar o sector agrario na zona e aumentar a base territorial das explotacións, que nesta parroquia son un total de 25. Esta parcelaria reorganizará preto de 400 hectáreas de terreos de labradío, aínda que hoxe xa foron moitos os que expresaron o seu interese por extendelo a áreas de monte. A de Poulo é unha das zonas con maior numero de explotacións de todo o municipio xunto con Barbeiros e Lesta, tendo contabilizadas arredor de 1.000 cabezas de gango en total. A superficie agraria-forestal aproxímase ás 1.000 ha, ocupado a superficie agropecuaria un tercio da súa totalidade (aproximadamente 350 ha) e a forestal outros dous tercios (unhas 600).
Animais censados
Na parroquia hai censados maior número animais que nas tres parroquias máis extensas do concello, estando o ratio en 2,46 vacas por ha en base á superficie agraria. A falta de infraestruturas e medios obriga a algúns profesionais a levar o seu gando a outras zonas incluso fóra de Galicia, ou a traballar extensións de terreo situados noutras parroquias. Actualmente ten nove núcleos de poboación e arredor de 320 habitantes, e xunto coa de Ordes é a única parroquia que aínda non está concentrada. Aínda que ésta xa fora decretada no ano 1963 tivo que paralizarse polas múltiples irregularidades e falsedades no proceso. Novamente decretouse no 1999 pero en xullo de 2015 declaorouse caducado o expediente

Ángeles Vázquez destacou que a Lei Metaga forma, xunto coa Lei de Mobilidade de Terras e a Lei de Montes de Galicia, un corpo legal único e coherente que pon de manifesto a importancia que lle dá o Goberno da Xunta á ordenación e á xestión agraria, priorizando a actividade agrícola, gandeira e forestal á hora de levala a cabo. A conselleira manifestou a importancia deste tipo de procesos “que permiten vivir no campo e do campo”, e que son a resposta ás demandas dos propios veciños, os cales ven no rural unha fonte de riqueza.
Pola súa banda o rexedor ordense reafirmouse novamente no compromiso electoral mantido cos veciños e veciñas da zona para que “o antes posible esta concentración parcelaria sexa unha realidade”. O desexo de Martínez Sanjurjo é que “nun prazo aproximado de seis anos, ou antes se fora posible, todos e todas teñan as súas propiedades concentradas”. Ante a atenta mirada da conselleira solicitoulle implicación e rapidez nos trámites que se leven a cabo. Minutos depois Vázquez se comprometeu a dotar económicamente a este proxecto para levalo a cabo canto antes e da maneira máis satisfatoria.
No que se refire aos veciños e veciñas, “os auténticos protagonistas” según palabras da nova concelleira de Medio Rural, mostráronse predispostos a emprender os pasos necesarios. Para isto contarán co aopoio e traballo que levarán conxuntamente e in situ a carón dos técnicos da Xunta de Galicia.
Sector lácteo
Por outra banda a Ánxeles Vázquez non deixou pasar por alto o encontro coa veciñanza para compartir as súas impresións sobre a situación do sector lácteo. Reclamou “máis unidade para poder facer máis forza” e defendeu a fórmula de redución de costes grazas á disposición de maiores extensións de terreo que eviten arrendamentos a terceiros e desprazamentos a otras zonas.

Tamén defendeu a instauración dun contrato tipo coas mesmas garantías e obrigas para todos os produtores, e mostrou a súa confianza na transparencia de cifras que traerá consigo o decreto lei que obrigará aos distribuidores a declarar os seus pagos.